quarta-feira, 18 de março de 2009

Existir


Hoxe na Illa de Gorée fálase de Atxaga. O primeiro que lin del foi, curiosamente, O fillo do acordeonista, a última cronolóxicamente, da que gostei bastante, e espertou un grande interese e curiosidade en min que me levou a ler as súas obras anteriores, as cales non me decepcionaron en absoluto, especialmente Obabakoak.
A interesante anotación no Porto atópoa só unhas horas despois de ler diversas entrevistas co escritor na rede en busca de información sobre a súa próxima novela, Sete casas en Francia, que algúns agardamos impacientes e que se publicará en breve. Nela prescindirá dese espazo propio e máxico chamado Obaba, na que se ambientaban as anteriores. Vai ser un salto importante, sen dúbida, e haberá que ver como respostan os seus numerosos e fieis lectores. Un risco para un autor que , como ben di Mario no sseu post, leva ás súas costas unha porcentaxe importante de toda a literatura en euskera existente.
Atxaga é consciente delo. Nas entrevistas en conversas co escritor, a responsabilidade de unha ser das figuras esenciais dunha literatura escrita nunha lingua minoritaria ocupa sempre un lugar central. Por iso, cando recolleu o premio Grinzane Cavour dixo "o importante é existir, minoritariamente, pero existir".Nunha destas entrevistas dicía Atxaga que "pódese facer unha carreira digna con 1000 lectores, e iso, os escritores en éuscaro sabémolo".
Con todo, eu sempre pensei que a situación do galego respecto do éuscaro era, en moitos aspectos, distinta pola maior implantación social do idioma galego. Porén, os últimos datos sobre o uso do galego e os anuncios das políticas lingüísticas do novo goberno non deixan moito marxe ó optimismo. Como isto non mude, imos camiño de ter que loitar pola existencia, pola mera supervivencia. A frase de Atxaga pode acabar converténdose nun lema. Ou aquela outra máxima de Vicente Risco que serve de presentación nas Uvas de M.Valcárcel:"Ser diferente é ser existente".

Nenhum comentário:

Postar um comentário