domingo, 22 de março de 2009

Conciencia inmobiliaria.

En Vigo, en fronte do piso de meus sogros, hai unha vivenda, outro piso, baleiro dende fai xa uns cinco anos. Por entón, o habitante do mesmo decidiu tirarse pola fiestra , aproveitando que era dos máis altos do bloque, e puxo fin así á súa existencia.
Non sei que relación haberá entre esta circunstancia e o feito de que siga desocupado. Pode que non moita, porque dubido bastante que esta información se lle suministre as persoas interesadas en adquirilo ou ocupalo. De calquera xeito, do que si estou seguro de de que hai un bo número de persoas que, de sabelo, non o mercarían ou o pensarían e repensarían ben antes de facerse con el, previa redución apreciable no seu importe en todo caso. Porque ese tipo de historias e antecedentes infúndenlle respecto a maioría dos mortais, sexan ou non supersticiosos. Por moi irracional que pareza. Despois de todo, os motivos ou circusntacias que aquela persoa puidera ter para facer o que fixo serán, imaxino, puramente persoais e non se subrogarán nunha persoa distinta que decida trasladarse alí, por ningunha das clausulas contractuais.
Pero como dicía, isto carece de importancia se pensamos, e coido que é bastante problable, que os que se interesen pola vivenda non van a ter esta
información.
Os que si saben o que mercan, salvo erro ou omisión imputable á sua abultada ignorancia, son aqueles que adquiran un dos departamentos de luxo
á venda no edificio do que fora,no seu momento, a sede da PIDE en Lisboa. Non entro a xulgar a moralidade dos adquirentes. Pero non deixa de resultarme inquedante a idea de que o capital -inmobiliario neste caso pero é característica de todo capital- carece absolutamente de escrúpulos. Porque non se pode ter o máis mínimo reparo e sí unha enorme cobiza carente de reservas éticas ou morais para lucrarse á conta de suministrarlle a trinta e oito conciencias suspendidas coas carteiras ben cheas unha exclusiva e privativa vivenda edificada sobre o terror, a tortura e o esquecemento.
Eu, dende logo, non sei se podería vivir en fronte dos meus sogros (obviemos as chanzas que se poden facer ó respecto) pero non querería vivir nesoutro tan luxoso lugar, por máis que se atope nunha das cidades do mundo máis marabillosas e das que máis gosto como é Lisboa. Seguro que no silencio da noite aínda se escoitan os ecos da dor e os arrepiantes berros da barbarie humana.

Nenhum comentário:

Postar um comentário