quarta-feira, 29 de julho de 2009

Memoria histórica. Nomes e Voces

Por moito que se esforcen, por moito que traten de botar terra e esquecemento por enriba dos seus crimes, non van a poder. Non debemos deixar que o consigan. Polos que mataron. Polos que ficaron rodeados de ausencia. Polos que tiveron que vivir eses anos de fame coa mirada baixa e con medo. Por toda a luz que roubaron.

Por iso temos que felicitarnos con iniciativas como a do Proxecto “Nomes e voces”. Unha gran base de datos que se pode consultar na rede. Non podo evitar emocionarme cando a recuperación simbólica desas vidas.

Parabéns a todos os que levaron adiante este magnífico proxecto.


Fico pampo cos eufemismos da aldraxe; a mentira da precisión: causa da morte: “Hemorraxia da aorta abdominal”.



domingo, 12 de julho de 2009

A semente do diaño.

Dúas historias ben distintas para un fin de semana. A primeira, unha recomendación cinematográfica. "A semente do Diaño", de Polanski. Ten para min varias virtudes: o ambiente creado, a casa como un personaxe,o terror sen terror e, por enriba de todo, a ambigüidade . Ó rematar bótolle unha ollada ó libreto e descubro que o verdadeiro terror está fóra do filme, as consecuencias que tivo a película para o seu director e, con sorpresa, entérome de que o edificio Dakota de N. York, no que se desenvolve principalmente a acción, é tamén célebre porque alí foi asasinado John Lennon. Demasiada maldición antes de deitarse.

A outra historia historia é bastante menos macabra e este fin de semana estame a deixar un bo gusto: "O camarada", de Cesare Pavese. Aínda vou pola metade, pero levaba encadeadas varias lecturas que non me acababan de dicir demasiado - seguramente pola miña falta de luces ou de boa disposición máis que pola pouca pericia dos autores. Esta novela de Pavese, malia a desconcertarme por momentos, tira estrañamente de min.

terça-feira, 7 de julho de 2009


O calor do mediterráneo é abafante. Noto os miolos ensumidos. Aumenta a irritabilidade. A miña e a de quenes me rodean. A cervexa chama por min. Por nós. Non deberíamos poñerllo tan doado pero caemos. Sei que dentro dunhas horas eu serei o único que seguirá con cervexa. O resto irán a mojitos.

A lúa, de vagar, vai facendo o seu camiño,e de cando en vez bota unha ollada de esguello. Entremetida do carallo...que é o que queres saber? Que é o que che falta por saber a ti que xa o sabes todo?

Unha parella de vellos pasa moi preto da mesa e ela dille algo a el, baixiño, o tempo que fai un aceno coa testa cara a onde nos atopamos. El bota unha mirada furtiva e sorrí.

O verán é o que ten.