quarta-feira, 11 de fevereiro de 2009

Escepticismo

Son tan escéptico que xa me creo calquera cousa.

segunda-feira, 9 de fevereiro de 2009

Cantos eran?

Os seareiros máis optimistas din que onte eran 2.500 as persoas da patética estampa. Se quitamos a Rosa Díez e Corina Porro quedan 2.498. Sacamos tamén os que viñeron de fóra de Galiza en autobús subvencionado e xa quedan 1617. Restámolles tamén esas dúas ducias de coñecidos que están sempre nas escaleiras da Quintana chova ou faga sol -entendo que non deben contar- e quedan 1.593. Quitamos os antidisturbios e entón xa só eran 312. Menos fotógrafos e periodistas, peregrinos de paso, turistas que queren ver a porta santa...
Meus pobres!

domingo, 8 de fevereiro de 2009

Un novo tributo



A través de Vieiros coñezo esta noticia.
Non dou creto. Non pode ser.
Como outras moitas veces, poderiamos desculpalo dicindo que os políticos só pensan en recadar. Pero nesta ocasión non. Négome. Hai algo máis. É a consolidación da política do absurdo. En tan só unhas décadas, Esperando a Godot ficou como unha obra excesivamente realista.

sábado, 7 de fevereiro de 2009

A importancia dunha lingua. Budapest, Hungría e 14 vogais.



Os húngaros gábanse de seren un pobo único. Non son latinos, nin xermanos. Non son musulmáns, aínda que no seu momento foron ocupados e invadidos polos persas. Non son tampouco eslavos como a maioría dos seus veciños. Chegados fai agora pouco máis dun
milenio dende o norte e Europa, asentáronse alí, nun enclave absolutamente privilexiado e ata hoxe conservaron a súa individualidade, enriquecida con mil anos de aconteceres, fluxos, invasións e contactos a través desa gran fonte de intercambio cultural qué o Danubio. Con todo, conservan a súa identidade, e fano, ademais, con orgullo.
Malia todo o que durante estes anos puido haber de asimilación, integración e“contaminación " ben entendida, teñen unha proba palpable da súa realidade: a súa lingua. Un idioma absolutamente diferente do de calquera dos seus veciños, coas súas catorce vogais, que o converten para os foráneos nun idioma complicadísimo de falar, e absolutamente endiañado dende o punto de vista fonético. Hai quen afirma que o húngaro ou maxiar é a lingua máis difícil de falar despois do chino.

Outras curiosidades: teñen un número máxico, o 896, ano da fundación, o que se plasma no número de metros de altura que teñen algúns dos seus monumentos ou edificios máis emblemáticos, como a Basílica de San Esteban -igrexa máis grande da cidade con unha enorme cúpula- ou o seu mundialmente coñecido Parlamento.
Gábanse igualmente de ter o priemeiro metro subterráneo do continente e o segundo do planeta despois do de Londres: a actual liña 1 de Budapest, recentemente remodelada, foi inaugurada, como non, en 1896.
Son un país onde Papa Noel viña o 6 de decembro e traía botas, dóces, xoguetes pequenos ou laranxas para os nenos que foran bos. No caso contrario non traían carbón senón unha póla de árbore para os pais.
Nunca brindan con cervexa, aínda que as teñen boas, porque esa foi a forma en que os austriacos celebraron en 1848 a súa victoria sobre os húngaros.

Existen. E a súa lingua garántelles que seguirá sendo así.

sexta-feira, 6 de fevereiro de 2009

Rivas, Sheen e Ferrín


Manuel Rivas dedica o seu artigo de hoxe en EP a súas figuras "dispoñíbeis": Martin Sheen e Méndez Ferrín.

Dende aquí sumámonos humildemente a homenaxe ó grande "Ferro".

quinta-feira, 5 de fevereiro de 2009

As cidades de García-Bodaño

Un texto marabilloso :

As cidades, logo, as reconstrúe cada
quen, alá nos espacios do recordo,
segundo as propias vivencias. Son o
resultado do noso estado de ánimo e da
nosa plenitude vital: as tristísimas
cidades dos aflixidos, as luminosas e
sonoras cidades dos felices, as
fotográficas cidades silentes dos xordos,
as incomprensíbeis e agresivas cidades
dos cegos, as cidades cambiantes davida...
Por iso poden ser fermosas ou
terríbeis, e as dúas cousas á vez. Existen
ao través de nós. E todas, poden chegar
a ser unha mesma e única Cidade
imposíbel, distinta de todas as cidades,
construída por unha suma interminábel
de arquitecturas do sentimento e da
imaxinación, ámbitos de encontro do
real e do irreal, onde poden dárense
lembranzas do xamais vivido e feitos
que nunca sucederon.


(De "Cidade virtual", de Salvador García-Bodaño)

quarta-feira, 4 de fevereiro de 2009


Resulta lamentable ver o coitado e pusilánime que está o goberno coa igrexa.

A laicidade do Estado foi sempre un principio fundamental no ideario da esquerda . Non deixa de abraiarme que no ano 2009 non sexa xa unha realidade a separación igrexa-Estado . Pero vexo que para o PSOE os inxustificables privilexios dese "clube" non son un problema. Se fose un afiliado, unha desas persoas das bases que agora que chegan as eleccións son os que de verdade teñen que moverse e traballar para que despois a xerarquía interna lle dea o seu posto a un enchufado "independente", daríame vergoña.

Que políticas se poden entón agardar en materia de educación, aborto, eutanasia e morte digna...


Por certo: que para que a crónica do encontro entre De la Vega e Bertone non semelle o que realmente é (unha renuncia á laicidade e unha baixada que pantalóns que nos permite ver un cú de dereitas), un dos principais periódicos españois e voceiro o partido do goberno informa a continuación disto. Que burdo e triste. Que conciencia queren limpar así.

terça-feira, 3 de fevereiro de 2009


"Máis ala das nubes", de Michelangelo Antonioni e Win Wenders.

Sei que cando un comenta unha película coma esta corre o risco de parecer un pedante, un bicho raro ou cousas aínda peores.

É o mesmo. Préstame ver este tipo de cinema.

Hai unha escena que me gustou especialmente. Esa na que un home está sentado nunha cafetería é unha moza se lle senta na mesa porque acaba de ler algo no xornal en ten a necesidade de comentalo con alguén. Xenial.

A última das historias tamén me parece moi interesante. Os seus diálogos. E a contraposición entre pensamento e felicidade.

A banda sonora que conten, entre outros, dous temas dos Passengers (U2 e Brian Eno) tamén é destacable.

segunda-feira, 2 de fevereiro de 2009

As ovellas, o lobo e o cine.

Na gala de entrega dos Premios Goya de onte a reivindicación máis recurrente foi a relativa a que se adopten medidas para impedir as descargas de películas polos internautas.
Non creo que deba ser esa a meirande preocupación dos responsables do cine español. Non podo aportar datos concretos, evidentemente, pero teño a idea - ó mellor errónea, quen sabe- de que do total de películas descargadas nas redes P2P, as películas españolas deben representar un porcentaxe bastante pequeno, por non dicir ínfimo. Coido que, se alguén se debe preocupar por este tema, deberán ser os representantes das grandes corporacións e productoras, case sempre multinacionais, que acaparan case que a totalidade das películas que se distribúen e exhiben en España, iankis prácticamente todas elas e de pésima calidade. Por eso me resulta curioso que o gremio cinimatográfico estea tan preocupado por esta cuestión cando entendo, desde o meu modesto e profano punto de vista, que quenes máis sofren o tema das descargas son, precisamente, os principais inimigos do cine español. Aí o paradoxo. A ovella confesando co lobo.
Coido que a defensa da cultura propia, especialmente no eido do cine - moi ligado actualmente ó concepto de entretemento-, pasa por medidas máis decididas no sentido do que se deu en chamar "excepcionalidade cultural" tendentes a garantir unha porcentaxe mínima de productos propios nas carteleiras como se fai noutros países europeos do entorno con resultados bastante aceptables.
Reivindiquemos, pois, iso e deixemonos de caralladas internáuticas, que serán outros os que deberán mollarse o cú nese rego.

sábado, 31 de janeiro de 2009

Novela negra

Hoxe o suplemento Babelia publica unha entrevista con Ramiro Pinilla co gallo da publicación da súa última novela e da súa participación na BCNegra'09 a próxima semana. Contén unha resposta moi propia dun diálogo dun vello filme de cine negro:

-¿En qué diferencia una policiaca de otra novela?
-En que en la policiaca el muerto aparece al principio.