quarta-feira, 29 de julho de 2009

Memoria histórica. Nomes e Voces

Por moito que se esforcen, por moito que traten de botar terra e esquecemento por enriba dos seus crimes, non van a poder. Non debemos deixar que o consigan. Polos que mataron. Polos que ficaron rodeados de ausencia. Polos que tiveron que vivir eses anos de fame coa mirada baixa e con medo. Por toda a luz que roubaron.

Por iso temos que felicitarnos con iniciativas como a do Proxecto “Nomes e voces”. Unha gran base de datos que se pode consultar na rede. Non podo evitar emocionarme cando a recuperación simbólica desas vidas.

Parabéns a todos os que levaron adiante este magnífico proxecto.


Fico pampo cos eufemismos da aldraxe; a mentira da precisión: causa da morte: “Hemorraxia da aorta abdominal”.



domingo, 12 de julho de 2009

A semente do diaño.

Dúas historias ben distintas para un fin de semana. A primeira, unha recomendación cinematográfica. "A semente do Diaño", de Polanski. Ten para min varias virtudes: o ambiente creado, a casa como un personaxe,o terror sen terror e, por enriba de todo, a ambigüidade . Ó rematar bótolle unha ollada ó libreto e descubro que o verdadeiro terror está fóra do filme, as consecuencias que tivo a película para o seu director e, con sorpresa, entérome de que o edificio Dakota de N. York, no que se desenvolve principalmente a acción, é tamén célebre porque alí foi asasinado John Lennon. Demasiada maldición antes de deitarse.

A outra historia historia é bastante menos macabra e este fin de semana estame a deixar un bo gusto: "O camarada", de Cesare Pavese. Aínda vou pola metade, pero levaba encadeadas varias lecturas que non me acababan de dicir demasiado - seguramente pola miña falta de luces ou de boa disposición máis que pola pouca pericia dos autores. Esta novela de Pavese, malia a desconcertarme por momentos, tira estrañamente de min.

terça-feira, 7 de julho de 2009


O calor do mediterráneo é abafante. Noto os miolos ensumidos. Aumenta a irritabilidade. A miña e a de quenes me rodean. A cervexa chama por min. Por nós. Non deberíamos poñerllo tan doado pero caemos. Sei que dentro dunhas horas eu serei o único que seguirá con cervexa. O resto irán a mojitos.

A lúa, de vagar, vai facendo o seu camiño,e de cando en vez bota unha ollada de esguello. Entremetida do carallo...que é o que queres saber? Que é o que che falta por saber a ti que xa o sabes todo?

Unha parella de vellos pasa moi preto da mesa e ela dille algo a el, baixiño, o tempo que fai un aceno coa testa cara a onde nos atopamos. El bota unha mirada furtiva e sorrí.

O verán é o que ten.

sexta-feira, 26 de junho de 2009



A S. tamén a perdemos en xuño. Ela e a súa filla C. eran boas amigas de Juan Vidal Fraga. Todo canto souben del durante os meus anos en Pontevedra, máis alá das maiores o menores coincidencias idiolóxicas, era bo e inspiraba en min unha imaxe entrañable e humanista da súa figura.
Por elo, non podo evitar reproducir aquí a fermosa homenaxe do Ferro.

X. L. Méndez Ferrín. Faro de Vigo. 26/06/2009.

"JUAN VIDAL FRAGA

Escribía na fin de semana pasada dos sucesos de Irán. A medida que a miña columna progredía, representábanseme na memoria uns lonxanos acontecementos que tiñan tamén aquel país como teatro. Lembraba os días nos que os servizos secretos norteamericanos e ingleses promoveron un golpe de estado que, derribando o goberno do autor Mosaddeq, apoderouse aló do petróleo. Era o ano 1953 e, eu, un adolescente que discutía a actualidade política en Pontevedra, logo dunha valente intervención en clase de xeografía feita polo noso profesor Francisco Cerviño. Discutía con Juan Vidal Fraga, meu compañeiro de pupitre, mentres dabamos paseos Rúa da Oliva arriba e abaixo.
Digo que recordei con forza a Juan Vidal Fraga a finais da semana pasada. Eu non sabía que naqueles mesmos intres el estaba a morrer. Chegou Juan cos seus pais e irmáns desde Cambados para establecerse nunha bela propiedade rural próxima a Pontevedra, non me acorda se situada na parroquia de Tomeza ou na de Marcón. Era moi novo pro algo había nel de precoz e avanzado á súa idade. Fumaba por cachimba (fíxoo durante toda a vida) e era temíbel adversario nas tardes chuviñentas diante do taboleiro de xadrez, digamos que no Moderno. Juan conversaba admirabelmente, sempre cortés, cos que se movían en territorios ideolóxicos distantes dos seus. Desde moi novo, Juan Vidal Fraga sentiu paixón polas ideas, especialmente pola filosofía da historia e pola teoría política. A pesar de padecer unha xordeira grave durante toda a vida, o noso amigo esforzábase en ouvir o que lle diciamos e nunca renunciou á polémica de altura intelectual. Dito todo isto, eu agora evoco a biblioteca. Aínda el andaba de pantalón curto e xa era lector e bibliófilo, dúas inclinacións que non cadran sempre xuntas. En épocas pasadas había en Galicia moitos alfarrabistas de vello, orientados na súa maioría ao libro en rústica e non ao libro antigo de calidade. Eu sempre recordarei o Juan Vidal Fraga na do libreiro que abría as súas portas diante das arruínas de San Domingos. Coido que o meu amigo gastaba, de rapaz, a totalidade da paga paterna en libros vellos e tabaco de picadura para a paipa. Ao cine ía pouco e aos bailes nada. Sobre esta base, Juan foi formando unha espléndida biblioteca centrada nas áreas do seu interese. Logo, unha vez licenciado en Dereito pola facultade compostelá, a súa biblioteca incrementouse cos libros necesarios para o exercicio profisional á aos que se sumaron os procedentes do despacho do seu pai, que levaba o mesmo nome e apelidos ca el: Juan Vidal Fraga. Procedente dunha familia de varias xeracións de avogados en Cambados, o noso amigo, curioso e ben escoitador de estorias de familia e locais, perpetuou unha rica crónica noticiosa de xentes e sucedidos, da política e da vida privada, de toda a capital e provincia de Pontevedra. Ligado familiarmente a Ramón Cabanillas, Juan diume preciosas noticias da orixe e vida do noso grande poeta, noticias que logo a investigación e os documentos foron corroborando. Poñamos un exemplo da súa curiosidade: cando nos anos cincuenta os nosos poetas (Cunqueiro, Castroviejo, os Álvarez Blázquez, Celso Emilio) decidiron inventar o viño de albariño, xa Juan Vidal Fraga sabía todo sobre tal caste de uva e poido informarnos a cerca das súas particularidades. Especialmente Juan combatía o mito incipiente da orixe renata destes bacelos. Juan era bon, de ideas profundas, serio no razonamento, humilde e orixinal nas conclusións teóricas ás que chegaba logo de longa meditación e debates. Para min, Pontevedra vai ter menos luces de sabedoría e lealtade despois da morte de Juan Vidal Fraga. E agora á lembranza de Juan únese a do noso grande amigo Remigio Nieto González"

quinta-feira, 25 de junho de 2009

Outro que cae

Primeiro Aberto por reformas. Logo foi Libro aberto. Agora vía Brétemas sabemos que o seguinte en caer será A casa do vagabundo, de Rivadulla Corcón, espazo radiofónico adicado a literatura galega. Por se alguén tiña algunha dúbida de que existe unha declaración de guerra...

quarta-feira, 24 de junho de 2009

Música e feitizo.




O de hoxe foi un día de música.

Puiden escoitar por primeira vez o novo disco de Carlos Nuñez quen, como un personaxe de Carpentier, se adentrou nas profundidades do Brasil para atopar a cerna da música. E deixoume un gusto agradable. A viaxe do gaiteiro alén mar tivo como resultado o encontro enfeitizante coa música brasileira. Ese remontar río arriba coa frauta cruzada á procura do manancial ten algo de iniciático para un pobo como o galego que coa emigración tanto enviou alá e tanto recolleu tamén. É segue recollendo. Non son músico. Non son crítico musical. Pero “Alborada do Brasil” ten para min o engado da evocación e da confirmación de que a mestizaxe, a fusión e o encontro non só enriquecen senón que tamén reafirma o orgullo dunha identidade que amosar e compartir.

O azar quixo que o mesmo día que descubrín este disco de Carlos Nuñez batera tamén coa noticia da publicación dun estudo da Universidade de Tübingen froito do achádego dunha frauta de máis de 35.000 anos atopada nunha cova situada no sudoeste de Alemaña. E non podo deixar de pensar naqueles primitivos seres humanos e nas súas inquedanzas artísticas; e mesmo, se me poño, podo escoitar o engaiolante son dese instrumento rudimentario nunha celebración pagá ó redor do lume nunha noite de verán espallando unha melodía de soños.

segunda-feira, 22 de junho de 2009

Metal (II)


MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR

Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.


C. E. Ferreiro.

sábado, 20 de junho de 2009

Metal


Nun lado da mesa están sentadas persoas que miran por un traballo e un salario digno. Na outra individuos que buscan maximizar as ganancias e rendementos.
Para os primeiros, un día de paro é un día sen cobrar. Se o conflicto dura de máis, non van a ter que levar á boca.
Os segundos non terán tal problema.
Uns miran por un traballo que lles permita vivir a eles e ás súas familias, e os outros polos seus beneficios.
Na miña opinión, non hai equidistancia posíbel.
Falar do metal en Pontevedra e falar do pan de 40.000 persoas. Así que convén ter claras certas cousas antes de ornear. Responsabilidade antes de utilizar certos termos ou expresións que poden resultar ofensivas para moitas persoas que coñezo e ás que levo vendo erguerse da cama cada día durante moitos anos da súa vida ás cinco e media da mañá para ir a “choiar” e ós que nunca vin agredindo ou atentando contra ninguén.
Neste conflicto debe involucrarse decididamente a Consellería de Traballo e Benestar. Pero benestar...social, non? Ou só de catro?.
Foto: Zélia García; tirada de Vieiros.

sábado, 13 de junho de 2009

Xuño


Xuño é para min, dende fai xa bastantes anos, un mes de cambios.

Lembrando os máis recentes, fai catro anos foron días de incertezas, medos, e coñecemento persoal. E Galiza botou a Fraga .

Fai tres mudoume radicalmente a vida.

Fai dous cambiou totalmente a da Bolecha, e ademais deixounos S., despois de moito loitar e darnos tanto.

O ano pasado a mudanza foino en sentido material e mobiliario. Tamén no profesional

Este ano San Xoán trae recapitulacións, despedidas e movementos sísmicos no familiar.

Chega o calor con desánimo. O sol gánalle terreo á noite; porén enormes son as sombras.

segunda-feira, 8 de junho de 2009

Silencio

1 . s m Ausencia de todo son ou ruído.
2 . s m Feito de estar alguén sen falar.
3 . s m Feito de non dicir alguén a súa opinión ou algunha información.
4 . s m FISIOL Intervalo que separa os ruídos cardíacos.
5 1 s m MÚS Pausa ou breve intervalo sen música nin canto. 2 Signo gráfico posto no pentagrama para indicar este silencio.
6 . silencio administrativo DER/ADM Ausencia de resolución por parte dunha autoridade administrativa respecto a unha petición ou recurso que lle foi presentado.

Fonte: Dicionario Ir Indo.