Mostrando postagens com marcador poesía. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador poesía. Mostrar todas as postagens

segunda-feira, 22 de junho de 2009

Metal (II)


MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR

Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.


C. E. Ferreiro.

domingo, 31 de maio de 2009

AQUEL MERLO


Que sería daquel merlo

que cantaba a primavera pasada

mentres agardabamos o tren

na estación de Dovlici?


Pero, pode un poema sobre o merlo

substituír ao canto do merlo?


Pode?

Dubídoo.


Do poeta bosnio Izet Sarajlic (1930-2002).

quinta-feira, 7 de maio de 2009

CHUS PATO, de m-Talá


PORQUE NON É SÓ O IDIOMA O QUE ESTÁ AMEAZADO

SENÓN A NOSA PROPIA CAPACIDADE LINGÜÍSTICA, sexa cal sexa o idioma que falemos

A LINGUA É PRODUCCIÓN, a lingua produce, produce COMUNICACIÓN
PRODUCE PENSAMENTO, PRODUCE CAPACIDADE POÉTICA, produce ganancia e beneficio, PRODÚCENOS como HUMANOS, prodúcenos como FELICIDADE

A lingua é PRODUCCIÓN, de aí os intentos do CAPITAL por PRIVATIZAR a lingua, por deixarnos SEN PALABRAS

--------------------------------------------------

A LINGUA, calquera LINGUA NO CAPITAL, tende ao esvaecemento, tende a converterse en algo que se consume. En algo que xa non PRODUCIMOS os falantes, senón o CAPITAL, no seu intento de privatizarnos, PRODUCE PARA NÓS

---------------------------------

No CAPITAL os creadores da Lingua, os falantes, pasan a ser CONSUMIDORES; a Lingua, calquera Lingua no Capital, pasa a ser un producto de consumo, o mesmo que calquera outra MERCADORÍA

-----------------------

LINGUA-SERVIDUME LINGÜÍSTICA
KAPITAL-KILLER
ASASINA

(Con Paco Sampedro)

quarta-feira, 22 de abril de 2009

Manuel Rivas na Galería Sargadelos


No serán previo a Sant Jordi, Rivas obsequiou en Barcelona ós galegos da diáspora co mellor dos agasallos: a palabra. Malia que o boicot tecnolóxico tentou silenciar a poesía, puidemos desfrutar dunha afonía amiga. E nela agromaban os petróglifos e os círculos concéntricos, os antónimos e as lembranzas, o arte e a boca da literatura.

O faro onte alumeaba máis de 26 millas de luz e o seu resplandor tocaba a confluencia de ProvenÇa con Rambla.

Alí achegouse tamén a memoria. Ecoaban os versos doutro recital de Manolo Rivas fai xa uns anos, moi lonxe, máis lonxe do que puidera parecer mirando só o almanaque. Moito andei dende entón, moitas cousas mudaron e outras tantas quedaron polo camiño . A Bolecha, porén, seguía sentada ao meu lado e as palabras inzadas de vida envolvíano todo.

domingo, 5 de abril de 2009

Neve fundida con palabras.



E falando de palabras: é inminente a chegada ás librarías do novo poemario de Manuel Rivas, A desaparición da neve, do que Alfaguara xa adianta algo na súa páxina web. Deveciamos pola nova incursión poética de Rivas. Unha mostra:




"A ENIGMÁTICA ORGANIZACIÓN

A Marcos Valcárcel

Veñen as palabras reclamar o seu,
o subtraído.
Fóra dos campos de traballo,
móvense coidadosas como a porcelana
ou o primeiro día de abril.
Non osmas o recendo higrófilo
das súas follas de espiga,
a suor argonauta do seu gran?
Existen.
Existe o aviador que le braille na noite.
Existe a vesga que leva voces baixas
no seu paxe de ourizos.
Existe a boca da literatura,
a tola que fala soa
como unha medusa.
Existe a boca do pozo que enxamea,
polposa, mal falada,
protexendo os seus.
Existe outra saudade.
Existe o tren onde viaxa unha saudade
desposuída.
Dormen as palabras
baixo o alzheimer das pontes.
Nos sumidoiros desenvólvese a historia:
as falsas testemuñas torturan os poemas.
No tormento da asfixia,
perden o ar,
a valiosa información.
Salvaranse os que simulen a morte
nun esplendor de herba.
Ou os que lembren un romance de cego
onde todo se conta
sen esperanza e sen medo.
Ou aqueles que rescate a enigmática organización
das palabras en vilo".

quarta-feira, 1 de abril de 2009

AS PALAVRAS, de Eugénio de Andrade.

São como um cristal,

as palavras.

Algumas, um punhal, um incêndio.

Outras,

orvalho apenas"


terça-feira, 10 de março de 2009

Un vello poema actual

AS RATAS

Na Galiza, ise vello pobo,
carballo carcomido de raios e bestigos,
loita, dende fai séculos,
o home cas ratas.
Coma nos castelos abandoados,
onde xa caíron traves e brasós,
escóitanse queixumes de gonzos ferruxentos.
Dende fai séculos loitan en Galiza
os homes cas ratas.
Ate que toda ela fique,
coma ises castelos roiñentos
e os mosteiros sin altares
nin lembranzas de ritos,
sendo soio rondada de morcegos
e pantasmas.
Coberta de edra, de label.
Morándoa soio as ratas.
Somente as ratas.

de Luis Seoane.

quarta-feira, 25 de fevereiro de 2009

Deus fratesque Gallaeciae (de Manuel Rivas)

Na casa, sostida a penas
por esa desgana en morrer
que teñen as ruínas,
escóitase o outono
descalzo polas lousas.

quinta-feira, 19 de fevereiro de 2009

POESÍA



Podemos atopar distintas definicións de poesía, e centos de miles de afirmacións sobre o seu sentido, valor ou significado.
Grazas á rede virtual e ó mundo dos blogs, puiden atopar unha máis.
No arquivo do blog do programa de radio Diario Cultural (sirva esta anotación tamén de homenaxe ó mesmo) podemos atopar unha entrevista co poeta Lois Pereiro. A súa escoita resulta emocionante.

"A poesía é un xeito de fuxir da barbarie. Todo o que se escriba quizais non contribúa a mellorar o mundo, pero tampouco pode contribuir a empeoralo"

quinta-feira, 5 de fevereiro de 2009

As cidades de García-Bodaño

Un texto marabilloso :

As cidades, logo, as reconstrúe cada
quen, alá nos espacios do recordo,
segundo as propias vivencias. Son o
resultado do noso estado de ánimo e da
nosa plenitude vital: as tristísimas
cidades dos aflixidos, as luminosas e
sonoras cidades dos felices, as
fotográficas cidades silentes dos xordos,
as incomprensíbeis e agresivas cidades
dos cegos, as cidades cambiantes davida...
Por iso poden ser fermosas ou
terríbeis, e as dúas cousas á vez. Existen
ao través de nós. E todas, poden chegar
a ser unha mesma e única Cidade
imposíbel, distinta de todas as cidades,
construída por unha suma interminábel
de arquitecturas do sentimento e da
imaxinación, ámbitos de encontro do
real e do irreal, onde poden dárense
lembranzas do xamais vivido e feitos
que nunca sucederon.


(De "Cidade virtual", de Salvador García-Bodaño)