sexta-feira, 8 de maio de 2009
Macros e iñas.
quarta-feira, 22 de abril de 2009
Manuel Rivas na Galería Sargadelos

No serán previo a Sant Jordi, Rivas obsequiou en Barcelona ós galegos da diáspora co mellor dos agasallos: a palabra. Malia que o boicot tecnolóxico tentou silenciar a poesía, puidemos desfrutar dunha afonía amiga. E nela agromaban os petróglifos e os círculos concéntricos, os antónimos e as lembranzas, o arte e a boca da literatura.
O faro onte alumeaba máis de 26 millas de luz e o seu resplandor tocaba a confluencia de ProvenÇa con Rambla.
Alí achegouse tamén a memoria. Ecoaban os versos doutro recital de Manolo Rivas fai xa uns anos, moi lonxe, máis lonxe do que puidera parecer mirando só o almanaque. Moito andei dende entón, moitas cousas mudaron e outras tantas quedaron polo camiño . A Bolecha, porén, seguía sentada ao meu lado e as palabras inzadas de vida envolvíano todo.
domingo, 5 de abril de 2009
Neve fundida con palabras.

E falando de palabras: é inminente a chegada ás librarías do novo poemario de Manuel Rivas, A desaparición da neve, do que Alfaguara xa adianta algo na súa páxina web. Deveciamos pola nova incursión poética de Rivas. Unha mostra:
"A ENIGMÁTICA ORGANIZACIÓN
A Marcos Valcárcel
Veñen as palabras reclamar o seu,
o subtraído.
Fóra dos campos de traballo,
móvense coidadosas como a porcelana
ou o primeiro día de abril.
Non osmas o recendo higrófilo
das súas follas de espiga,
a suor argonauta do seu gran?
Existen.
Existe o aviador que le braille na noite.
Existe a vesga que leva voces baixas
no seu paxe de ourizos.
Existe a boca da literatura,
a tola que fala soa
como unha medusa.
Existe a boca do pozo que enxamea,
polposa, mal falada,
protexendo os seus.
Existe outra saudade.
Existe o tren onde viaxa unha saudade
desposuída.
Dormen as palabras
baixo o alzheimer das pontes.
Nos sumidoiros desenvólvese a historia:
as falsas testemuñas torturan os poemas.
No tormento da asfixia,
perden o ar,
a valiosa información.
Salvaranse os que simulen a morte
nun esplendor de herba.
Ou os que lembren un romance de cego
onde todo se conta
sen esperanza e sen medo.
Ou aqueles que rescate a enigmática organización
das palabras en vilo".
quarta-feira, 25 de fevereiro de 2009
Deus fratesque Gallaeciae (de Manuel Rivas)
por esa desgana en morrer
que teñen as ruínas,
escóitase o outono
descalzo polas lousas.