quarta-feira, 24 de junho de 2009

Música e feitizo.




O de hoxe foi un día de música.

Puiden escoitar por primeira vez o novo disco de Carlos Nuñez quen, como un personaxe de Carpentier, se adentrou nas profundidades do Brasil para atopar a cerna da música. E deixoume un gusto agradable. A viaxe do gaiteiro alén mar tivo como resultado o encontro enfeitizante coa música brasileira. Ese remontar río arriba coa frauta cruzada á procura do manancial ten algo de iniciático para un pobo como o galego que coa emigración tanto enviou alá e tanto recolleu tamén. É segue recollendo. Non son músico. Non son crítico musical. Pero “Alborada do Brasil” ten para min o engado da evocación e da confirmación de que a mestizaxe, a fusión e o encontro non só enriquecen senón que tamén reafirma o orgullo dunha identidade que amosar e compartir.

O azar quixo que o mesmo día que descubrín este disco de Carlos Nuñez batera tamén coa noticia da publicación dun estudo da Universidade de Tübingen froito do achádego dunha frauta de máis de 35.000 anos atopada nunha cova situada no sudoeste de Alemaña. E non podo deixar de pensar naqueles primitivos seres humanos e nas súas inquedanzas artísticas; e mesmo, se me poño, podo escoitar o engaiolante son dese instrumento rudimentario nunha celebración pagá ó redor do lume nunha noite de verán espallando unha melodía de soños.

Nenhum comentário:

Postar um comentário