
Desasosegar: des + sosegar, do latín sessicāre, der. del lat. sessus, part. pas. de sedēre, “estar sentado”.
Coido que preciso sentar.
Por moito que se esforcen, por moito que traten de botar terra e esquecemento por enriba dos seus crimes, non van a poder. Non debemos deixar que o consigan. Polos que mataron. Polos que ficaron rodeados de ausencia. Polos que tiveron que vivir eses anos de fame coa mirada baixa e con medo. Por toda a luz que roubaron.
Por iso temos que felicitarnos con iniciativas como a do Proxecto “Nomes e voces”. Unha gran base de datos que se pode consultar na rede. Non podo evitar emocionarme cando a recuperación simbólica desas vidas.
Parabéns a todos os que levaron adiante este magnífico proxecto.
Fico pampo cos eufemismos da aldraxe; a mentira da precisión: causa da morte: “Hemorraxia da aorta abdominal”.
Dúas historias ben distintas para un fin de semana. A primeira, unha recomendación cinematográfica. "A semente do Diaño", de Polanski. Ten para min varias virtudes: o ambiente creado, a casa como un personaxe,o terror sen terror e, por enriba de todo, a ambigüidade . Ó rematar bótolle unha ollada ó libreto e descubro que o verdadeiro terror está fóra do filme, as consecuencias que tivo a película para o seu director e, con sorpresa, entérome de que o edificio Dakota de N. York, no que se desenvolve principalmente a acción, é tamén célebre porque alí foi asasinado John Lennon. Demasiada maldición antes de deitarse.
A outra historia historia é bastante menos macabra e este fin de semana estame a deixar un bo gusto: "O camarada", de Cesare Pavese. Aínda vou pola metade, pero levaba encadeadas varias lecturas que non me acababan de dicir demasiado - seguramente pola miña falta de luces ou de boa disposición máis que pola pouca pericia dos autores. Esta novela de Pavese, malia a desconcertarme por momentos, tira estrañamente de min.

O calor do mediterráneo é abafante. Noto os miolos ensumidos. Aumenta a irritabilidade. A miña e a de quenes me rodean. A cervexa chama por min. Por nós. Non deberíamos poñerllo tan doado pero caemos. Sei que dentro dunhas horas eu serei o único que seguirá con cervexa. O resto irán a mojitos.
A lúa, de vagar, vai facendo o seu camiño,e de cando en vez bota unha ollada de esguello. Entremetida do carallo...que é o que queres saber? Que é o que che falta por saber a ti que xa o sabes todo?
Unha parella de vellos pasa moi preto da mesa e ela dille algo a el, baixiño, o tempo que fai un aceno coa testa cara a onde nos atopamos. El bota unha mirada furtiva e sorrí.
O verán é o que ten.


O de hoxe foi un día de música.
Puiden escoitar por primeira vez o novo disco de Carlos Nuñez quen, como un personaxe de Carpentier, se adentrou nas profundidades do Brasil para atopar a cerna da música. E deixoume un gusto agradable. A viaxe do gaiteiro alén mar tivo como resultado o encontro enfeitizante coa música brasileira. Ese remontar río arriba coa frauta cruzada á procura do manancial ten algo de iniciático para un pobo como o galego que coa emigración tanto enviou alá e tanto recolleu tamén. É segue recollendo. Non son músico. Non son crítico musical. Pero “Alborada do Brasil” ten para min o engado da evocación e da confirmación de que a mestizaxe, a fusión e o encontro non só enriquecen senón que tamén reafirma o orgullo dunha identidade que amosar e compartir.
O azar quixo que o mesmo día que descubrín este disco de Carlos Nuñez batera tamén coa noticia da publicación dun estudo da Universidade de Tübingen froito do achádego dunha frauta de máis de 35.000 anos atopada nunha cova situada no sudoeste de Alemaña. E non podo deixar de pensar naqueles primitivos seres humanos e nas súas inquedanzas artísticas; e mesmo, se me poño, podo escoitar o engaiolante son dese instrumento rudimentario nunha celebración pagá ó redor do lume nunha noite de verán espallando unha melodía de soños.


Xuño é para min, dende fai xa bastantes anos, un mes de cambios.
Lembrando os máis recentes, fai catro anos foron días de incertezas, medos, e coñecemento persoal. E Galiza botou a Fraga .
Fai tres mudoume radicalmente a vida.
Fai dous cambiou totalmente a da Bolecha, e ademais deixounos S., despois de moito loitar e darnos tanto.
O ano pasado a mudanza foino en sentido material e mobiliario. Tamén no profesional
Este ano San Xoán trae recapitulacións, despedidas e movementos sísmicos no familiar.
Chega o calor con desánimo. O sol gánalle terreo á noite; porén enormes son as sombras.