Mostrando postagens com marcador cousas. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador cousas. Mostrar todas as postagens

domingo, 26 de abril de 2009

Chuvia no ADN


Na metade da mañá a escuridade que o invade todo sácame da letarxia. Comeza a chover na diáspora. Vinte minutos con bátegas, tronos e lóstregos. Sinto a necesidade de baixar. Teño a desculpa do xornal e de ter que subir o pan. Busco un recuncho a carón da fiestra para tomar un cortado e botar unha ollada ao xornal mentres desfruto do espectáculo que me fixo espertar os sentidos. A xente corre polo chafrán. Xa dixo o poeta que arrenegaba de quen foxe da choiva coma do demo. Unha pandemia nace en México. Os italianos de Barcelona celebrar referendum: hai “fuga de corazóns”. Un ano despois, Betancourt. Príncipe de Asturias?. Os libros arden mal. Que dirían os mass media se fose ao revés.1.104.537.600 segundos de liberdade, grándola vila morena. As chicas de oro.
Media hora despois a través do vidro xa loce o sol. Saio e o ceo azul sentenciou o partido sen precisar dos segundos corenta e cinco minutosi Dúas mozas na esquina miran mal. Lembro a Pacino dicindo “ a cidade convértenos en animais”. Subo a tobeira.

domingo, 22 de março de 2009

Conciencia inmobiliaria.

En Vigo, en fronte do piso de meus sogros, hai unha vivenda, outro piso, baleiro dende fai xa uns cinco anos. Por entón, o habitante do mesmo decidiu tirarse pola fiestra , aproveitando que era dos máis altos do bloque, e puxo fin así á súa existencia.
Non sei que relación haberá entre esta circunstancia e o feito de que siga desocupado. Pode que non moita, porque dubido bastante que esta información se lle suministre as persoas interesadas en adquirilo ou ocupalo. De calquera xeito, do que si estou seguro de de que hai un bo número de persoas que, de sabelo, non o mercarían ou o pensarían e repensarían ben antes de facerse con el, previa redución apreciable no seu importe en todo caso. Porque ese tipo de historias e antecedentes infúndenlle respecto a maioría dos mortais, sexan ou non supersticiosos. Por moi irracional que pareza. Despois de todo, os motivos ou circusntacias que aquela persoa puidera ter para facer o que fixo serán, imaxino, puramente persoais e non se subrogarán nunha persoa distinta que decida trasladarse alí, por ningunha das clausulas contractuais.
Pero como dicía, isto carece de importancia se pensamos, e coido que é bastante problable, que os que se interesen pola vivenda non van a ter esta
información.
Os que si saben o que mercan, salvo erro ou omisión imputable á sua abultada ignorancia, son aqueles que adquiran un dos departamentos de luxo
á venda no edificio do que fora,no seu momento, a sede da PIDE en Lisboa. Non entro a xulgar a moralidade dos adquirentes. Pero non deixa de resultarme inquedante a idea de que o capital -inmobiliario neste caso pero é característica de todo capital- carece absolutamente de escrúpulos. Porque non se pode ter o máis mínimo reparo e sí unha enorme cobiza carente de reservas éticas ou morais para lucrarse á conta de suministrarlle a trinta e oito conciencias suspendidas coas carteiras ben cheas unha exclusiva e privativa vivenda edificada sobre o terror, a tortura e o esquecemento.
Eu, dende logo, non sei se podería vivir en fronte dos meus sogros (obviemos as chanzas que se poden facer ó respecto) pero non querería vivir nesoutro tan luxoso lugar, por máis que se atope nunha das cidades do mundo máis marabillosas e das que máis gosto como é Lisboa. Seguro que no silencio da noite aínda se escoitan os ecos da dor e os arrepiantes berros da barbarie humana.

sexta-feira, 20 de março de 2009

Anádromos (II)


Un novo artigo de Xavier Castro que se refire á cobizada lamprea. Gosto destas homenaxes gastronómico-etnográficas das súas columnas.
Desta vez, o pouco agraciado anádromo trae da man a outro senlleiro veciño que chega por estas datas. O Cuculus canorus Linnaeus, aínda que os coñecidos lle chamamos Cuco. Mesmo os máis achegados, como di o poema de Manuel Maria musicado por Suso Vaamonde, o tratan de tu.
Precisamente porque marzo comezou como comezou, haberá que estar ben atento para ver se podemos escoitalo. Di a lenda que se entre marzo e abril non se escoita o canto do cuco será sinal de que chega a fin do mundo. A ver se temos sorte estes días e o animaliño nos quita algúns medos de enriba.
Din tamén que escoitando o seu canto, poderemos saber cantos anos nos quedan de vida. Eu recoñezo que non son quen de probar que hai de certo desta crenza nin a miña curiosidade chega a tanto. Non vaia a ser que o paxaro estea estes días tan preguiceiro para cantar como eu para traballar.

sexta-feira, 6 de março de 2009

Anádromos


Ao revés do que acontecera fai algo menos de catro anos, esta vez non podo evitar un certo añoxo cando me cruzo pola rúa cun compatriota. Aínda que as matemáticas demostren que foron máis os galegos que meteron na urna unha papeleta que non era do PP ca os que optaron pola restauración do réxime, a sensación que teño, porén, e que todos os meus conxéneres forman parte, conscientemente ou non, desa conspiración para destruir o país. Non son quen de sentir outra cousa que non sexa decepción e desapego ó próximo. Un bicho raro. Unha desas especies que adican parte da súa vida a remontar o río nadando contra corrente por un estraño imperativo xenético.Especies coma o salmón, a anguía ou a especialmente enxebre, fea e gastronómicamente proveitosa lamprea. Si. Vai resultar que estes días son un pouco lamprea.
Sobre a lamprea publica Galicia Hoxe un recomendable artigo de Xavier Castro.

Pensando neste particular prodixio zoolóxico e culinario reconcíliome cos galegos ou, alomenos, con algún deles. Como non mirar con certa tenrura a aquel vello paisano que decidiu, nun momento dado, e sen que saibamos por que, levar á boca ese pouco agraciado e, se me apuran, ata algo repulsivo becho. Será o mesmo que decidiu tamén probar o polbo? Ou será aqueloutro que unha mañá se puxo a chuchar nas patas dunha nécora?. Descoñézoo. Pero ben seguro que era familia do meu ancestral compañeiro cicelador de petroglifos con espirais e círculos concéntricos.

quinta-feira, 5 de março de 2009

Seguir


Xa estou de volta na diáspora despois dunha breve escapada á Terra. Foi unha fin de semana longa, de dor e paxaros negros rondando a cabeza. Pero non queda outra que seguir. Asumir que as cousas son como son e tirar para adiante sen saber moi ben de onde sacar forzas.

Tamén estiveron osresultados das eleccións. Pero non quero ser reiterativo.

Onte voltei deixando o país con brétemas e choiva pola chegada dunha nova borrasca.

terça-feira, 24 de fevereiro de 2009

Amigos

Hoxe estiven con M. e C.. Facía moito que non os vía. Pasou tanto tempo e a miña vida mudou tanto desde entón que tiña certo temor ó reencontro. Pero saiu moi ben. Son persoas moi especiais coas que compartin todo tipo de momentos. Dos mellores e dos peores da vida. E sinto que cando o que hai é realmente bo, especial, a amizade permanece. Aínda que tantas outras cousas sexan distintas. E iso dame azos e faime ser un pouco optimista.

M. e C. lémbranme tamén a S., que xa non está con nós.

segunda-feira, 16 de fevereiro de 2009

Mulleres e cólera.

Casualmente, nun dos libros que estou lendo agora mesmo, atopo un parágrafo que fala das diferencias entre homes e mulleres. O libro non é gran cousa nin creo que vaia a pasar á historia da literatura, pero a reflexión quéroa traer por ter certa relación coa anotación anterior.
Nun momento dado, unha personaxe, muller, fai a seguinte afirmación:
Hai dúas clases de cólera: quente e fría. Os rapaces e as rapazas experimentan ás dúas; pero segundo van medrando, os tipos de cólera varían en función do sexo. Eles necesitan cólera quente para sobrevivir. Precisan ser proclives á loita, sentirse empurrados a afundir o coitelo na carne, estar en posesión da enerxía e a iniciativa da furia. É unha esixencia da caza, da defensa, do orgullo e quizáis tamén do sexo. (...) As rapazas, en troques, necesitan da cólera fría. Precisan da ebulición a fogo lento, do rancor permanente, o talento para evitar o perdón e non transixir nunca. Necesitan saber cando din algunha cousa que nunca van a recuncar, nunca xamais. É a súa compensación a un territorio de acción máis limitado no mundo. Se te enfrontas a un home e loitas, un dos dous gaña e entón segues adiante ou ou morres e quedas atrás. Se te enfrontas a unha muller, o universo enteiro cambia, porque a cólera fría precisa vixilancia eterna en todos os aspectos dos desaires e as ofensas”.

Non sei. Alomenos semella que iso é así no mundo de Oz.

domingo, 15 de fevereiro de 2009

Mulleres

A cuestión, para min, non é se son mellores os homes ou as mulleres. Eu iso téñoo xa bastante claro. Creo que elas son, en moitos aspectos, superiores. Chegados a esta conclusión, a seguinte pregunta que debemos facernos é: entón, por que seguen con nós? Para que nos necesitan?

Pois eu, despois de moito cismar, teño xa a resposta. O interese da muller no home é unha cuestión puramente anatómico-fisiolóxica. Non nos precisan enteiros, senón que o que buscan é unha pequena parte do noso corpo.

Non, non vaian por aí que se trabucan. Nada tén que ver co que están pensando. Se así fose, limitaríanse a arrimarse para acoplarse, intercambiar fluídos e adeus moi boas. Se o motivo dunha muller para achegarse a un home é esa cousa dura que lle pendura, a cousa non dura.

A solución está un pouco máis abaixo. Nos pés. Si, si...

Coñecen a algunha muller que se meta na cama non teña os pés fríos. Velaí a nosa utilidade. Quecerlle os pés no leito. Ese é o verdadeiro fundamento dese costume ten socialmente estendido como é a cohabitación heterosexual.

Sóubeno con certeza despois do que me contou unha amiga, quen, farta de que durante un tempo o seu querido esposo se erguera no medio da madrugada para seguir un acontecemento deportivo internacional (descoñezo se a eurocopa,mundial, carreiras de coches ou motos...) descubriu o moito que isto a perturbaba e saiu en canto puido á busca dunha tenda de electrodomésticos para cmprar unha tele ben plana e colgarlla na habitación. “Podes ver o que queiras, pero es teus pés aquí, a carón dos meus, ben achegadiños”