quarta-feira, 30 de setembro de 2009

Achádegos

"Nunca se debe confiar nas biografías. Demasiados acontecementos na vida dun home son invisíbeis".

"Cal é o verdadeiro valor do coñecemento? Fai que a nosa ignorancia sexa máis precisa."

Tiradas de Pezas en Fuga, de Anne Michaels.

terça-feira, 29 de setembro de 2009

Falemos.

Magnífica anotación de Folerpa. É certo. Agora, máis que nunca, non podemos baixar os brazos. É a hora de FALAR. De responder falando alto e claro.

Istambul.


Istambul prestounos. Son moitas as impresións e imaxes gardadas en un puñado de días nos que non só nos limitamos ás obrigadas Santa Sofía, Mezquita Azul ou cruceiro polo Bósforo. Tamén, como é costume en nós, camiñamos e perdémonos pola cidade á busca das outras cidades invisíbeis. Trouxemos connosco anaquiños da Ponte de Gálata, do barrio de Fener, Eyup, Uskudar, entre regateos de bazar, olores a especias, bocadillos de peixe, cemiterios, fume de pipa e mar.

Unha cidade de fontes castradas,

onde os mortos miran a posta de sol trala cidade.

Homes que turran de fardeis sobre rodas.

Un corno dourado e unha gorxa estratéxica.

A circulación feita caos entre incontábeis minaretes.

Bazares de “gallegos de lluvia y calma”, “Nunca Máis”.

Un omnipresente ollo azul contra o mal de ollo.

Té de reineta.

Zume de granada por catro liras.

Media lúa de mel.

Vellas casas de madeira inclinadas polo cansazo.

Nenos xogando con metralletas no medio da rúa.

Centos de barcos aboiando no mar de Mármara.

Sacros gatos impasíbeis.

Espigas de millo quente e kebap.

A cidade tremendo pola chamada de Alá.

Incesantes buguinas portuarias.

O arrecendo do balik ekmek.

Comiño e cardamomo.

Oriente suxerido baixo o imperio de occidente.

Os contrastes da decadencia.

domingo, 23 de agosto de 2009

John Berger. Literatura verdadeira


Despois de varias idas e voltas polos corredores da libraría, non era quen de decidir. As últimas lecturas foran decepcionantes, Afogamos entre novidades e as lapelas e as recensións dos suplementos culturais aportan moito máis que a lectura dos libros mesmos. O cansazo e o bochorno mediterráneo turran de min para marchar de baleiro. Finalmente, como xa fixera antes en situacións similares, boto man dun autor xa coñecido do que sei que algo hei de tirar. E vaia acerto!

John Berger. Xa lera Porca Terra, King e Unha vez en Europa. Desta vez o volume que escollín do andel foi Cara a voda, totalmente descoñecida para min ata ese momento e que dende hoxe pasará a ocupar un lugar preferente nas miñas baldas de elixidos. Unha lectura fascinante, inzada de vida, memoria e poesía. Persoas con e sen esperanza. Páxinas abertas verquendo o alento das palabras e paixón por vivir.

Sen dúbida, Berger ten o gran don da mirada. A que nos lembra que a ferralla non é lixo. LITERATURA VERDADEIRA.

terça-feira, 18 de agosto de 2009

Desasosego



Desasosegar: des + sosegar, do latín sessicāre, der. del lat. sessus, part. pas. de sedēre, “estar sentado”.


Coido que preciso sentar.

quarta-feira, 29 de julho de 2009

Memoria histórica. Nomes e Voces

Por moito que se esforcen, por moito que traten de botar terra e esquecemento por enriba dos seus crimes, non van a poder. Non debemos deixar que o consigan. Polos que mataron. Polos que ficaron rodeados de ausencia. Polos que tiveron que vivir eses anos de fame coa mirada baixa e con medo. Por toda a luz que roubaron.

Por iso temos que felicitarnos con iniciativas como a do Proxecto “Nomes e voces”. Unha gran base de datos que se pode consultar na rede. Non podo evitar emocionarme cando a recuperación simbólica desas vidas.

Parabéns a todos os que levaron adiante este magnífico proxecto.


Fico pampo cos eufemismos da aldraxe; a mentira da precisión: causa da morte: “Hemorraxia da aorta abdominal”.



domingo, 12 de julho de 2009

A semente do diaño.

Dúas historias ben distintas para un fin de semana. A primeira, unha recomendación cinematográfica. "A semente do Diaño", de Polanski. Ten para min varias virtudes: o ambiente creado, a casa como un personaxe,o terror sen terror e, por enriba de todo, a ambigüidade . Ó rematar bótolle unha ollada ó libreto e descubro que o verdadeiro terror está fóra do filme, as consecuencias que tivo a película para o seu director e, con sorpresa, entérome de que o edificio Dakota de N. York, no que se desenvolve principalmente a acción, é tamén célebre porque alí foi asasinado John Lennon. Demasiada maldición antes de deitarse.

A outra historia historia é bastante menos macabra e este fin de semana estame a deixar un bo gusto: "O camarada", de Cesare Pavese. Aínda vou pola metade, pero levaba encadeadas varias lecturas que non me acababan de dicir demasiado - seguramente pola miña falta de luces ou de boa disposición máis que pola pouca pericia dos autores. Esta novela de Pavese, malia a desconcertarme por momentos, tira estrañamente de min.

terça-feira, 7 de julho de 2009


O calor do mediterráneo é abafante. Noto os miolos ensumidos. Aumenta a irritabilidade. A miña e a de quenes me rodean. A cervexa chama por min. Por nós. Non deberíamos poñerllo tan doado pero caemos. Sei que dentro dunhas horas eu serei o único que seguirá con cervexa. O resto irán a mojitos.

A lúa, de vagar, vai facendo o seu camiño,e de cando en vez bota unha ollada de esguello. Entremetida do carallo...que é o que queres saber? Que é o que che falta por saber a ti que xa o sabes todo?

Unha parella de vellos pasa moi preto da mesa e ela dille algo a el, baixiño, o tempo que fai un aceno coa testa cara a onde nos atopamos. El bota unha mirada furtiva e sorrí.

O verán é o que ten.

sexta-feira, 26 de junho de 2009



A S. tamén a perdemos en xuño. Ela e a súa filla C. eran boas amigas de Juan Vidal Fraga. Todo canto souben del durante os meus anos en Pontevedra, máis alá das maiores o menores coincidencias idiolóxicas, era bo e inspiraba en min unha imaxe entrañable e humanista da súa figura.
Por elo, non podo evitar reproducir aquí a fermosa homenaxe do Ferro.

X. L. Méndez Ferrín. Faro de Vigo. 26/06/2009.

"JUAN VIDAL FRAGA

Escribía na fin de semana pasada dos sucesos de Irán. A medida que a miña columna progredía, representábanseme na memoria uns lonxanos acontecementos que tiñan tamén aquel país como teatro. Lembraba os días nos que os servizos secretos norteamericanos e ingleses promoveron un golpe de estado que, derribando o goberno do autor Mosaddeq, apoderouse aló do petróleo. Era o ano 1953 e, eu, un adolescente que discutía a actualidade política en Pontevedra, logo dunha valente intervención en clase de xeografía feita polo noso profesor Francisco Cerviño. Discutía con Juan Vidal Fraga, meu compañeiro de pupitre, mentres dabamos paseos Rúa da Oliva arriba e abaixo.
Digo que recordei con forza a Juan Vidal Fraga a finais da semana pasada. Eu non sabía que naqueles mesmos intres el estaba a morrer. Chegou Juan cos seus pais e irmáns desde Cambados para establecerse nunha bela propiedade rural próxima a Pontevedra, non me acorda se situada na parroquia de Tomeza ou na de Marcón. Era moi novo pro algo había nel de precoz e avanzado á súa idade. Fumaba por cachimba (fíxoo durante toda a vida) e era temíbel adversario nas tardes chuviñentas diante do taboleiro de xadrez, digamos que no Moderno. Juan conversaba admirabelmente, sempre cortés, cos que se movían en territorios ideolóxicos distantes dos seus. Desde moi novo, Juan Vidal Fraga sentiu paixón polas ideas, especialmente pola filosofía da historia e pola teoría política. A pesar de padecer unha xordeira grave durante toda a vida, o noso amigo esforzábase en ouvir o que lle diciamos e nunca renunciou á polémica de altura intelectual. Dito todo isto, eu agora evoco a biblioteca. Aínda el andaba de pantalón curto e xa era lector e bibliófilo, dúas inclinacións que non cadran sempre xuntas. En épocas pasadas había en Galicia moitos alfarrabistas de vello, orientados na súa maioría ao libro en rústica e non ao libro antigo de calidade. Eu sempre recordarei o Juan Vidal Fraga na do libreiro que abría as súas portas diante das arruínas de San Domingos. Coido que o meu amigo gastaba, de rapaz, a totalidade da paga paterna en libros vellos e tabaco de picadura para a paipa. Ao cine ía pouco e aos bailes nada. Sobre esta base, Juan foi formando unha espléndida biblioteca centrada nas áreas do seu interese. Logo, unha vez licenciado en Dereito pola facultade compostelá, a súa biblioteca incrementouse cos libros necesarios para o exercicio profisional á aos que se sumaron os procedentes do despacho do seu pai, que levaba o mesmo nome e apelidos ca el: Juan Vidal Fraga. Procedente dunha familia de varias xeracións de avogados en Cambados, o noso amigo, curioso e ben escoitador de estorias de familia e locais, perpetuou unha rica crónica noticiosa de xentes e sucedidos, da política e da vida privada, de toda a capital e provincia de Pontevedra. Ligado familiarmente a Ramón Cabanillas, Juan diume preciosas noticias da orixe e vida do noso grande poeta, noticias que logo a investigación e os documentos foron corroborando. Poñamos un exemplo da súa curiosidade: cando nos anos cincuenta os nosos poetas (Cunqueiro, Castroviejo, os Álvarez Blázquez, Celso Emilio) decidiron inventar o viño de albariño, xa Juan Vidal Fraga sabía todo sobre tal caste de uva e poido informarnos a cerca das súas particularidades. Especialmente Juan combatía o mito incipiente da orixe renata destes bacelos. Juan era bon, de ideas profundas, serio no razonamento, humilde e orixinal nas conclusións teóricas ás que chegaba logo de longa meditación e debates. Para min, Pontevedra vai ter menos luces de sabedoría e lealtade despois da morte de Juan Vidal Fraga. E agora á lembranza de Juan únese a do noso grande amigo Remigio Nieto González"

quinta-feira, 25 de junho de 2009

Outro que cae

Primeiro Aberto por reformas. Logo foi Libro aberto. Agora vía Brétemas sabemos que o seguinte en caer será A casa do vagabundo, de Rivadulla Corcón, espazo radiofónico adicado a literatura galega. Por se alguén tiña algunha dúbida de que existe unha declaración de guerra...