domingo, 3 de maio de 2009

Memoria histórica


Parece mentira que este país viva de costas ó pasado e prescinda absolutamente dun exercicio tan san como a memoria. É esencial saber de onde vimos para, en primeiro lugar, saber a onde queremos ir e, despois, poder camiñar con paso firme e seguro.

Menos mal que aínda existen entidades filantrópicas que fan un esforzo digno de gabanza por recuperar o pasado e desenterrar a verdade de entre tanta lama e tanta mentira. Entre elas destaca a FAES, que non só é unha institución de referencia no ámbito filolóxico como se puxo de manifesto recentemente, senón que desenvolve unha labor esencial de divulgación do noso pasado e unha abraiante actividade para que este chegue á sociedade e a mesma poida entendelo. O último fito da súa labor son os seus Cuadernos de pensamiento político. Agardemos que o desinteresado impulso que esta fundación lle está proporcionando a divulgación científica non caia no baleiro e poidamos neutralizar co seu traballo os lamentábeis efectos secundarios do dogmatismo que se agocha detrás do revisionismo histórico plasmado na Constitución de 1978 e nalgunhas reaccionarias iniciativas pedagóxicas como a Educación para a cidadanía, expresión dun decadente e proselitista sistema educativo. Afortunadamente, existen actualmente indicadores e signos dos que inferir unha pronta recuperación da Nación e soñar coa verdadeira democracia. No noroeste, a lúcida xente destas entrañábeis terras, deu xa o primeiro paso cara unha nova reconquista contrarreformista que deixe penetrar os novos aires, especialmente no ámbito lingüístico. Conservemos a esperanza.

Nenhum comentário:

Postar um comentário