segunda-feira, 13 de abril de 2009

Un país ferido

Cando ves esmorecer o teu país, a túa cultura e a túa lingua, o estado de alarma derivado desa situación fainos buscar unha solución inmediata, radical, que nos aparte de enriba esa espada de Damocles. E este tipo de repostas tan enérxicas búscanse case que exclusivamente na política, e acabamos facéndolle o xogo a uns medios de desinformación que deciden, segundo lle conveña ó amo de Madrid, sobre que debemos falar, en que debemos pensar, implicándonos ós lectores, ouvintes ou televidentes en debates simplóns e anecdóticos con temas de curto recorrido. Así ten que ser ademais nos tempos actuais do pensamento único que manufactura consumidores acríticos. E aí temos que resistir.

Con todo, a defensa dun país pasa tamén por outros eidos. Nunha interesante entrevista en Galicia Hoxe, Víctor Freixanes fai fincapé na importancia doutro tipo de traballo. “A política é unha parte importante do poliedro, pero só unha parte. Sen unha sociedade civil forte, consciente do seu, moderna, desacomplexada, non hai unha Galicia posible. Hai que traballar con firmeza, con intelixencia, con xenerosidade e paciencia, na sociedade civil”.

Sen dúbida. Non só parece razoable senón que sabemos que é así. E resulta difícil atopar a calma e a serenidade necesarias en momentos tan duros para levar a cabo unha tarefa tan virtuosa e imitar o xeito de traballar desa poalla tan nosa que, pouco a pouco, vai calando en todo. Pero hai que mirar máis aló. Por moito que a mirada de Galiza neste momento sexa a dun animal ferido.

Nenhum comentário:

Postar um comentário