terça-feira, 21 de abril de 2009

Singraduras



Os antigos mariñeiros fenicios, gregos e tartesos navegaban pouco menos que a cegas durante o día, sen referencias a través dun mar inmenso e practicamente descoñecido. A súa orientación e a mellor das cartas mariñas chegaba tras o solpor, nun ceo cheo de luces e estrelas que sabían ler perfectamente. Entre constelacións e planetas, entre o Setestrelo e Osas grandes e pequenas, o home coñecía perfectamente a súa posición e o camiño a seguir. Paradoxalmente, na escuridade da noite estaba o maior coñecemento.
Segue a ser así. Talvez o home non estivo nunca tan perdido como agora, cheos de luces, cores, pantallas, mapas, voces, información que desinforma, móbiles, xente máis que persoas, comodidades, fotos e espellos. En resumo, confusión. Como antigamente, o verdadeiro avance só terá lugar na escuridade, na noite, na soidade e o silencio. Procurando dentro de un mesmo e non fóra. Só dende aí se poden dar pasos firmes e seguros. Dos momentos máis escuros da vida se tiran as mellores leccións.

Nenhum comentário:

Postar um comentário