domingo, 5 de abril de 2009

Neve fundida con palabras.



E falando de palabras: é inminente a chegada ás librarías do novo poemario de Manuel Rivas, A desaparición da neve, do que Alfaguara xa adianta algo na súa páxina web. Deveciamos pola nova incursión poética de Rivas. Unha mostra:




"A ENIGMÁTICA ORGANIZACIÓN

A Marcos Valcárcel

Veñen as palabras reclamar o seu,
o subtraído.
Fóra dos campos de traballo,
móvense coidadosas como a porcelana
ou o primeiro día de abril.
Non osmas o recendo higrófilo
das súas follas de espiga,
a suor argonauta do seu gran?
Existen.
Existe o aviador que le braille na noite.
Existe a vesga que leva voces baixas
no seu paxe de ourizos.
Existe a boca da literatura,
a tola que fala soa
como unha medusa.
Existe a boca do pozo que enxamea,
polposa, mal falada,
protexendo os seus.
Existe outra saudade.
Existe o tren onde viaxa unha saudade
desposuída.
Dormen as palabras
baixo o alzheimer das pontes.
Nos sumidoiros desenvólvese a historia:
as falsas testemuñas torturan os poemas.
No tormento da asfixia,
perden o ar,
a valiosa información.
Salvaranse os que simulen a morte
nun esplendor de herba.
Ou os que lembren un romance de cego
onde todo se conta
sen esperanza e sen medo.
Ou aqueles que rescate a enigmática organización
das palabras en vilo".

Nenhum comentário:

Postar um comentário